viernes, 16 de septiembre de 2011

Oliveira revive a Angélica

Da pasada edición do Cineuropa gustaríame destacar un filme: “O Estranho Caso de Angélica”, de Manoel de Oliveira. Esta concreción ven derivada dunha serie de filias que me gustaría dalas a coñecer para os que vexan o filme poidan ter unha mellor recepción do mesmo. Asemade, este artigo tamén pode considerarse como un modesto homenaxe ao director portugués porque este 11 de decembro cumple 102 anos. A celebración desta efeméride non é o motivo desta escolla, mais afondar no mundo de “Angélica” vaime permitir facer unha semblanza dun dos cineastas é unha referencia na Historia do Cinema.

A organización do festival compostelán escolleu o filme para ilustrar a concesión do Premio Cineuropa á Pilar López de Ayala mais curiosamente o traballo desta actriz española non vai ser lembrado polo seu receitario de dotes dramáticas. Non obstante, si se pode ver como unha feliz incidencia de Cineuropa de retomar a relación con Oliveira a quen, no ano 2004, xa se lle concedera o devandito premio e se lle fixera unha retrospectiva completa da súa obra.

A singularidade de “O Estranho Caso de Angélica” está en que é un proxecto moi antiguo e moi querido por parte de Oliveira tendo que adialo en moreas de ocasións e que, agora, no 2010, por fin puido materializado. O proxecto de “Angélica” remóntase ao período situado entre a realización do “Aniki-Bobó” (1941) e a de “O Pintor e a Cidade” (1954), nese tempo viuse afastado da práctica cinematográfica vivindo no campo ao cargo dos negocios agrícolas da súa familia. Nesa altura a desilusión por non poder facer cinema era moi grande e só era quen de bosquexar ideas e proxectos sobre o papel. Foi a partires dunha experiencia personal, sacarlle unha fotografía ao cadáver da súa cuñada, cando o levou a escribir o guión de “Angélica”. Nos primeiros anos da década dos 50 presentouno aos fundos da cinematografía de Portugal mais sempre foi rexeitado. Este feito encoraxou a Oliveira sendo a chispa que motivou a súa volta á práctica cinematográfica dunha maneira case autoxestionada e asumindo el mesmo varios roles da produción.

O guión ficou na gaveta mais en moitas dos seus filmes saiu a reflictir parte deste tesouro agochado do que se puido chegar a leer na publicación “Projectos não realizados e outros Textos” (Cinemateca Portuguesa, 1988). Por fín, no 2010, máis de medio século despois, “Angélica” pasou aos ecráns sendo estreada no prestixioso Festival de Cannes. A historia conta o percance de Isaac, un fotógrafo amadorista de orixen xudeo que está a escapar da II Guerra Mundial, que recibe o encargo de sacarlle unhas fotos a unha morta de cuxa imaxe acábase obsesionando. Mais Oliveira fixo pouco esforzo na reactualización desta idea primixenia e na súa inserción nos tempos de hoxeendía mantén esta definición de personaxes e “as súas circunstancias” a pesar de que as veces as inconguencias históricas sexan máis que evidentes.

O interesante de “O Estranho Caso de Angélica” é que Oliveira casa de forma mestra as pulsións que caracterizaron a súas primeiras etapas con elementos que foron madurecendo ao longo da súa filmografía. Unha cristalización pura que serve de excelente mostrario testamentario do cinema de Oliveira. Por un lado temos os orixes da herdanza dos “Gigantes do Douro” (1934), un proxecto de documentario no que se reflicte o seu xermolar dentro das avangardas e o seu interese pola etnografía. Unha lembranza aos seus primeiros films nos que xa había un interese polo territorio: pola cidade do Porto e polo Val do Douro ao que acudiría en varis ocasións destacando, sobre todo, en “Vale Abraão” (1993) ou en “O Princípio da Incerteza” (2002). O argumento do filme pode circunscribirse dentro do que se podería chamar “fanstasmagorías” de clara ascendencia barroca, nunha encrucillada de camiños que vai desde “A noiva cadáver” (2005), de Tim Burton, ate o último filme de Apichatpong Weerasethakul, “O tío Boonme lembra as súas vidas pasadas” (2010), unha mestura da que xa saira airoso en “Os Canibais” (1988) e en “O Convento” (1995).

Este filme é unha especie de conxunción onde se espallan os estilemas e as preocupacións de Manoel de Oliveira: a música de piano de Mª João Pires que lembra á época silente, unha posta en escena e unha dirección de actores moi teatral, certa idea de transcendencia xurdida do intento de barallar relixiosiade e humanismo, homenaxes e referencias intelectualizadas (José Régio, Teixeira de Pascoães ou a Ortega e Gasset), disquisicións sobre o rumbo do mundo falando da actual crise económica, de problemas ecolóxicos e dos descubrimentos científicos, teimas románticas que desembocan nun “amor fou” case surrealista no ton do seu admirado Luis Buñuel ou a máis que evidente reflexión metalingüística sobre a natureza das imaxes e o mecanismo da representación artística. E a todo isto hai que sumar o elenco actorial que arroupa a López Ayala: Ricardo Trêpa (sobriño de Oliveira), Luís Miguel Cintra, Isabel Ruth ou a sempre espectacular Leonor Silveira.

No negativo fica un comentario arquetipo e inexacto sobre Galiza e aos galegos mais este punto negro tampouco empaña un excelente filme dun director que se amosa orgulloso do seu pasado, dos seus “modos antigos”, mais redimensionándoos e facéndoos fructificar cara o futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario