viernes, 16 de septiembre de 2011

Desexos (posíbeis) para o audiovisual galego no 2008

Estes puntos poden ser unha interesante folla de ruta para o vindeiro ano para un sector audiovisual enleado como ningún outro pola multitude de factores que conflúen nel. Estas reflexións serán difíciles de materializar mais é de recibo apuntalas para que os responsábeis destas áreas ou simplemente aludidos sexan conscientes do moito mal que están a causar ao mundo da imaxe. Tamén é oportuno facer autocrítica e de seguro quedaranme elementos e matices sen sinalar mais neste decálogo creo que se pode facer unha síntese importante dalgúns problemas e vicios que agocha o audiovisual galego dentro da súa fraxilidade.
1. Situación do audiovisual (en xeral)
Isto é o máis importante e condiciona, de maneira determinante, aos seguintes puntos a desenvolver. Hai xente que aínda non o percebe mais o audiovisual está nun período de cambio á mesma altura de cando chegou o son ao cinema. Agora falar exclusivamente de cinema é un erro, o cinema constitúe un escaso porcentaxe dentro da industria audiovisual. Polo tanto preocuparse pola “agonía cinematográfica” é unha perda de tempo. A distribución e exhibición comerciais ficaron en mans dos multinacionais americanas que só nos proporcionan blockbusters de maneira indolente. O futuro… pois o cinema comercial como entendemos agora esmorecerá totalmente e o visionado de filmes en comunidade ficará en salas puntuais baixo amparo da administración mesmo como se foran museos.
2. Situación política (galega)
A situación actual é totalmente contraproducente. O audiovisual galego esta seccionado en dous na administración, unha incoherencia supeditanda a intereses propagandísticos. Creo que houbo unha parábola bíblica que falaba do contraproducente desta situación, mais está claro que un goberno de esquerdas non pode fixarse nas fábulas que sustentaron a cultura occidental. Pois ben ante esta falta de eséxese atopámonos nunha situación hilarante e de antinatura. Den quen é a culpa? Pois da negociación das comadronas que axudaron no parto deste despropósito, un por chegar a esta solución e o outro por aceptalo. O ideal sería que ámbalas partes traballasen coordenadas mais considero que a esta altura da película a cousa xa non está para milagres.
3. Organismos públicos
A rede de organismos deseñados pola Lei do Audiovisual de Galicia están inoperantes e sin sentido debido ao deseño dantesco procurado polo goberno bipartito, as sinerxias e a colaboración non existen. As distintas funcións dedicadas á promoción e ao patrimonio vólvense ineficaces porque non se traballa conxuntamente e, na actualidade, estes organismos “recoñecidos” están a mirar para o teito. E logo, aínda por riba, existen organismos fantasmais para cubrir fochancos onde se traballa coas mellores intencións do mundo, mais sen medios e improvisando de maneira caótica. Por certo, xa que estamos, queren encher a Cidade da Cultura? Pois todos estes organismos públicos para Gaiás! Todos xuntos en amor e compañía… Que fan esparexidos por distintas cidades? Con esta solución podemos prever situacións kafkianas como a que se está a dar. Non dín que o roce fai o cariño, pois iso.
4. Televisión
Buff, isto tamén é outra patata quente… Cando estamos a punto do apagón analóxico vai a sair nos vindeiros meses a segunda canle da Galega. Unha nova oferta televisiva que se sumará ao marasmo de canles da televisión dixital (haber se teñen sitio as portuguesas). As horas para encher de programación vanse incrementar sustancialmente e niso a televisión galega terá que apostar fortemente pola produción local. Mais esta situación dependente da industria respecto a televisión non ten que malinterpretarse e esta dependencia non se ten que converter nun abuso. A televisión ten que facerse eco das obras do audiovisual galego e non marcar as tendencias á produción. A galega ten que acoller con maior énfase formatos e producións que non busquen tanto o share senón ofertar outros produtos que normalmente non teñen oco na grella televisiva. A Galega é un ente público e nunha das súas funcións é ofertar produtos non-convencionais.
5. Industria
O dito no punto 4 tamén concerne á industria, mais creo que esta atópase nunha situación máis débil e delicada. Non se pode acusar aos produtores de apostar por produtos que teñan saída fácil na televisión, por producións con formatos, contidos e linguaxes pensados no teleespectador medio galego. Mais esta produción ad hoc corre o risco de perverter a industria nun abismo sen fin incapaz de renovar as súas propostas. Neste senso convén destacar que os proxectos presentados ás subvencións son decididos polos produtores. Polo tanto a administración ten moi pouco marxe de manobra na calidade dos proxectos xa que estes veñen impostos polas propostas que escollen ás produtoras. Polo tanto desexo aos produtores que teñan bo ollo en escoller os proxectos xa que, neles, está un amplo porcentaxe dos logros do audiovisual de Galicia.
6. Medios de comunicación
Subsiste, aínda que pareza mentira, certa inxerencia polos medios de comunicación. Xa falamos da televisión mais agora tócalle a quenda aos grupos mediáticos implantados en Galicia e que, como é lóxico, establecen certas conductas para reforzar o seu predominio. Mais isto último non é o grave. Resulta que as produtoras pertencentes a medios de comunicación polarizan grande parte da produción galega marcando pautas a produtoras e empresas de servizos satélites. Mais estas produtoras grandes son as que menos riscos toman e son as pequenas as que teñen máis marxe de movementos. Deste modo a puntualidade do talento recae nas propostas das produtoras pequenas polo que estas teñen maior éxito nas subvencións. Dito isto as queixas destas produtoras mastodónticas non é repensar a súa produción senón apoiarse nos medios de comunicación para polarizar opinións e distorsionar a realidade. Como dixo un sabio nisto do audiovisual: “Nun cataclismo morren os dinosaurios e sobreviven os pequenos mamíferos”.
7. Festivais
Tal como está a distribución e a exhibición comercial o único sitio onde sobriven os desexos do espectador por ver filmes en comunidade é nos festivais. Alí, na programación destes eventos festivos, o cinéfilo atopa todo o que se lle ratea nos multisalas. Nos últimos meses sairon en prensa moitos artigos poñendo en tela de xuizo aos festivais. Neste senso hai que dicir varias cousas. O número de festivais depende da necesidade da sociedade en albergalos, por exemplo en Inglaterra hai 3 veces máis que en España. Logo convén decir que toda proposta festivalera ten que ter un obxectivo, un leit-motiv válido en prol do audiovisual que xustifique a súa existencia. Mais, subliño: audiovisual, non dixen nin político, nin glamouroso, nin feria, nin folclorista… Teñen que ser propostas que axuden a dar a coñecer o audiovisual local ou internacional, ou os dous ao mesmo tempo.
8. Creadores
Aos poucos van saíndo das rochas. Unha nova xeración de talentos xurden como francotiradores o baixo o amparo das axudas dos “creadores individuais” da Axencia Audiovisual Galega. Un bo facer plasmado nalgunhas obras xa estimábeis e recoñecidas nalgún que outro festival. Aquí non teño nada que decir salvo o de suscribir que este é o camiño. As novas tecnoloxías democratizan a práctica audiovisual e agora os creadores poden darse a coñecer a través da inventiva e coa capacidade de risco.
9. Películas
Isto sigue sendo moi delicado. A industria empéñase en facer cinema intentando competir cos americanos. Unha loita desigual que é imposible gañar. Falan de coproducións, de europudins e propostas transnacionais… si, pode soar a flauta mais iso ocorre por casualidade. Hai que ser consciente dos medios e non involucrase en proxectos expansivos senón sacarlle todo partido do que se ten e ser conscientes das carencias para intentar sobrepasalas explorando as posibilidades do artificio visual. Mais para que se de todo isto hai que ter unha visión unitaria desde o xerme do proxecto. Esta claro que desde Galicia non se pode facer Titanic mais si se pode transmitir de miles de maneiras a angustia dun naufraxio.
10. Público
Escoitei fai pouco un debate radiofónico no que un participante dicía que o público era a “proba do algodón” para unha produción. Non vou a insistir moito nesta cuestión porque é como decir que Torrente é unha obra mestra. Cocebir ao público como algo ignorante e pasivo é moito decir. O éxito non está en facer sucesos de billeteira porque iso se dá puntualmente tendo unha grande produtora, unha canle de televisión estatal, unha estratexia importante de marketing… Todos uns parámetros moi a desamán do audiovisual galego. Mais si se pode facer filmes desde a honestidade, desde un bo guión, unha boa historia, desde ser consecuente cos medios, co talento dos profesionais, cos escenarios galegos… Quen lle ía decir a un filme romenio que ía gañar en Cannes? 4 meses, 3 semanas e 2 días vai romper récords de recaudación? Seguro que non. Mais hai que dar a posibilidade ao público que vexa este grande filme. Un filme modesto, cun orzamento reducido mais de grande calidade que se estreará en pantallas de medio mundo. Por iso aos espectadores hai que educalos na diversidade e os programadores (de salas comerciais, televisión, festivais, crítica) teñen que publicitar que hai máis vida audiovisual que Piratas del Caribe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario