Hai unha máxima que di que é moi complicado iso de ser recoñecido na terra de un, que a estratexia máis intelixente neste caso é preparar o terreo dando a coñecer a túa obra na diversidade exterior para que sexa enxuizado sen que emerxan as típicas “perturbacións” veciñais. Se tes a sorte de que se te fixen no teu traballo, que te seleccionen en festivais e que se exhiba por pantallas foráneas xa será un éxito en si que suavizará nalgún grado a recepción por parte do público natural que non é outro que o espectador que pertence ao contexto de onde partiu esa obra.
No mundo do cinema isto agrávase xa que o mundo da distribución e exhibición comercial está sumamente colapsado por prácticas abusivas, e dicir, altamente capitalistas. Ante este panorama só fican as fendas da distribución alternativa que tristemente case vese reducida aos festivais. E é neste circuíto no que as veces se constatan os estados de ánimo e a situación das distintas cinematografías.
A finais de novembro imos a ter a 48 edición do Festival Internacional de Cine de Xixón, que, para quen escribe, é a cita anual máis importante deste tipo de eventos en España. Nos últimos anos, da man do seu director, José Luís Cienfuegos, e da súa equipa de colaboradores, fixeron co seu bo facer un dos escaparates europeos máis interesantes do cinema independente. Non lle fai falta clasificacións, nin altos orzamentos, nin a condescendencia da industria nin dos medios de comunicación, todo mundo sabe que as súas escolmas, as súas seccións paralelas e homenaxes son altamente rigurosas para satisfacer ao cinéfilo máis esixente.
Mais este ano o Festival de Xixón presenta unha estraña confluencia, un interesante e significativo aliñamento de planetas. Nas distintas seccións conta con destacada representación galega. Sabíamos xa desde fai tempo que despois de que “Todos vós sodes capitáns”, de Oliver Laxe, pasara polo prestixioso Cannes e conseguir o recoñecemento da crítica, a súa estrea en España pasaría, case de maneira irremediable, polo Festival de Xixón, xa que é a cita que máis se axusta a esta proposta arriscada. Mais se esta prodúcese na sección oficial de longametraxes na de curtametraxes contamos coa presenza da última obra mestra en aparecer no cinema galego: “Gato encerrado”, de Peque Varela. Ámbalas dúas son dúas serias candidatas a levarse o premio da vindeira edición. Por ende, na sección complementaria de Llendes contamos coa presenza doutra curtametraxe galega, “Fantasmas #1”, de Ángel Santos.
Qué significa esta confluencia? Pois que algo importante sucede no cinema-audiovisual galego. Que nos atopamos no mellor momento da súa historia, cunha serie de creadores e obras que están dentro do máis alto nivel da creación mundial. Que algo se fixo ben durante estes anos para que agora se disfrute deste agromar. Que despois de Cannes e Xixón xa vai sendo hora que público e medios da Galiza se fixen no que está acontecer na expresión audiovisual do país. Que é necesario perseverar e protexer este caudal de talento para que non sexa “flor dun día” e para producir un ecoar fértil. Que con estes logros se comproba de maneira empírica que este tipo de producións son os únicos modos de por ao audiovisual galego no mapa.
Xa sabedes, xa estades avisados, este ano as “fabes” no FICXIXÓN serán galegas!
No hay comentarios:
Publicar un comentario