martes, 13 de septiembre de 2011

"De barrio": memoria dun proxecto documental


 
O título do proxecto xa é suficientemente explícito do que se ambiciona con esta idea audiovisual: afondar na noción de barrio. A ficción xa tratou en moitas ocasións este espazo en comunidade máis case sempre atopando nel un escenario para situar nel que ocorresen accións negativas. O documental tamén abordou este tema englobándoo,na mayoría das veces, dentro dun conxunto máis amplo como pode ser a cidade, agora mesmo venme á cabeza todas as “Sinfonías da Cidade” da historia do cinema. Na miña opinión considero ao barrio como unha unidade singularizada dentro do tecido urbano e ese compoñente autónomo é o que se pretende atesourar nas imaxes deste documental. Este proceso farase a través dunha especie de “posta ao día” do formato tratadístico do coñecemento clásico sobre unha materia en concreto.
Se facemos un traballo de eséxese e botamos a ollada para atrás poderemos remontarnos a obras senlleiras como De Arquitectura, do grego-romano Vitrubio ou a súa reformulación no Renacemento como en De Perspectiva de Albertis. Mais estos tamén sufriton unha reinterprestación no século XIX, onde Oscar Wilde co seu De Profundis, nunha parodia dunha famosa frase bíblica, foi capaz de facer un ensaio afondando na súa situación personal e poñéndoa en relación cos alicerces que sustentaban unha sociedade conservadora como a Victoriana. Estes dous modelos bibliográficos serán os que estarán presentes na estrutura deste proxecto; por un lado establecerase información a través de códigos didácticos, de ensinar en que consiste a vida nun barrio, e, por outro, asulugarase de vivencias persoais para dar cabida ao maior número de perspectivas e experiencias persoais que axunden a reforzar a idea principal do documentario.
Tendo en conta estes referentes De Barrio vai intentar retratar a vida “dunha barriada”. Será unha análise pertinente sobre esta denominación que, na maioría das veces, acopia significacións negativas; periférico, secundario, illado, incomunicado, desprestixio, inseguridade, sen servizos,… Mais na maioría das veces esquéncese que a vida nun barrio hai valores de comunidade e convivencia únicos e singulares, que lle dan diferenciación a este tipo de territorios. Estas características é o que se vai a intentar aprisionar con este documental.
Descrición:
O barrio escollido para afondar nas súas peculiaridades é o barrio da Cruzada na Guarda. Esta localidade pontevedresa situada no extremo suroccidental de Galiza permanecen certos modos de vida tradicionais que fan dela un excelente campo para o seu estudio tanto sociolóxico como etnográfico. Esta potencialidade débese a súa situación xeo-estratéxica bastante illada respeto a outros núcleos de poboación.
Dentro da Guarda existen zonas con maior autonomía na súa identidade nas que persisiten, non se sabe por canto tempo, modos de vida doutras épocas. A Cruzada é a última entidade de poboación que se pode atopar se seguimos a costa galega cara o sur. A súa economía establécese nunha extraordinaria simbiose entre o mar a terra. Os seus habitantes foron, históricamente, expertos mariñeiros e, a súa vez, as súas mulleres contribuían con labores agrícolas e gandeiras. Paseniñamente estes criterios van cambiando, o progreso extende as súas gadoupas e hai actividades que evolucionan ou simplemente caen en desuso. De Barrio vai ser un desesperado intento de intentar documentar a vida en desaparición e seguir os cambios producidos ata o día de hoxe.
Para atinxir este obxectivo vaise entretecer imaxes actuais do barrio, entrevistas coas súas xentes e o emprego de fotografías vellas. O peso deste entrabado correrá por conta dos informantes, na súa maioría serán mulleres xa que elas son as pezas chaves dos fogares e das relacións de convivencia. O discurso será ilustrado con fotos vellas dos seus antepasados ou de acontecementos que tiveran luar no barrio. E todo este fresco enmarcarse en imaxes que reflictan os modos de vida “de barrio” no que se fomente o encontro veciñal, modos de convivencia, é decir, experiencias en comunidade.
ESTRUTURA
Como xa quedou dito en anteriores apartados, este proxecto documental intentará conxeniar tres fíos de información. E se alternarán formas documentais diferentes (entrevistas, contemplativo, exprimental, poético…)
1. Imaxes actuais do barrio. Este material será o recurso máis inmediato e máis directo na narración. A maioría destas imaxes serán escenas do cotiá do barrio da Cruzada, actividades no que se xunten os veciños, no que ver o seu parecer sobre aspectos do presente. Deste modo podemos facer unha listaxe de situacións as que, ao longo do ano, podemos recorrer: nenos xogando na rúa o una praza do barrio, mulleres falando na rúa, homes paseando, a fogueira de San Xoán, xente collendo auga na fonte, mulleres indo a novena de San Queitano, a festa do barrio, a procesión do santo, as puxas, traballos relacionados co mar (argaceiras, atar redes, alestar) ou co campo (semear, sachar).
2. Entrevistas con informantes. O material máis significativo serán as entrevistas cos veciños, especialmente serán preguntas feitas a mulleres. Procurarase que a posta en escena sexa significativa e a poder ser xuntando membros dunha mesma familia. Deste modo preténdese entrevistar a veciños significativos: a Benedicta, a Fefa, a Ida, a Maruja, a Nieves, a Tona, a Tonia, a Carme, a do Lolillo, a do Quinón, a do Palomar, a do Luvi, a Lucía, a Pinocha,… Tamén se pode realizar a homes máis iso terá un valor máis secundario (Muchila, Chacurro, Arroz). Asemade, tamén se intentará incorporar xente que chegou a vivir recentemente e aos turistas que o visitan polo verán. As preguntas versarán sobre a vida no barrio: canto tempo levan vivindo, como pasaron eses anos, que botan de menos do pasado, que querrían para o futuro, que veciños recordan, coñecen cancións ou historias sobre xente do barrio. O contido destas entrevistas se organizarán tendo en conta imaxes fixas das casas ou dos contextos no que se atopan os entrevistados.
3. Imaxes do pasado. As imaxes do presente e dos entrevistados se misturarán con material documental do pasado, sobre todo, de fotografías vellas de veciños que morreron ou de fotos de veciños en distintas actividades da vida (o Chirro, o Semente, o Sariña, a Delfina, a Xirola, o Tio David, o Pipano). Estas fotografías buscarase o lugar onde foron sacadas para evidenciar a ausencia do retratado e o cambio producido nesa parte do barrio. Tamén se recollerán elementos patrimoniais do barrio, elementos que se fixan a determinadas épocas: o cruceiro, a capela, as fontes, as cruces, as casa vellas, as cetáreas, a canteira, o muño…
CONCEPCIÓN ESTÉTICA
Neste proxecto de documental está previsto que as imaxes e as voces sexan a guía do que se quere contar. Vaise intentar fuxir de esteorotipos do xénero e imos a intentar que as imaxes conten, por si soas, todo as variación que poden contemplar tan ampla temática que se quere reflectir nesta obra audiovisual. Ante este presuposto a maioría das imaxes serán planos fixos no que se vai intentar capturar o tempo da vida dun barrio. Os personaxes entrarán e sairán de cadro a vontade. Serán planos de longa duración no que o espectador sexa capaz de entrar no fluír do tempo da Cruzada. Este ritmo tamén propiciará que se faga, de maneira máis oportuna, reflexións sobre o paso do tempo e sobre a memoria.
Nun principio poderíase buscar referentes no cinema etnográfico con base nas grandes figuras fundadoras do documental (Flaherty, Vertov), mais o obxectivo é introducir novas formas do documental no que se poda abordar conceptos inherentes á temática escollida, por exemplo; o territorio, a paisaxe, identidade, o espazo, o público, o privado, as costumes, as tradicións, a comunicación, as relacións,…


No hay comentarios:

Publicar un comentario