sábado, 17 de septiembre de 2011

Programando Filminhos


Fun o programador galego do Filminho nas dúas primeiras edicións. Na actualidade xa non estou vinculado a este festival de cinema, non obstante, deséxolle toda a sorte do mundo na vindeira edición que coma novidade máis importante vai a trasladarse de xullo a setembro intentando atopar o seu sitio dentro da cada vez máis densa axenda anual deste tipo de eventos. Grazas ao Filminho puiden saber desde dentro como xurde e como funciona un encontro cinematográfico. Unha experiencia que agora me leva a intentar sistematizar todo o que rodea a política que agocha a programación das distintas sesións que configuran un festival de cinema.

Nun principio sempre hai que intentar por en valor a causa pola que gravita o festival. No caso do Filminho esta débese a propiciar un punto de encontro entre o cinema galego é o portugués. Unha motivación que a defende a Lei do Audiovisual de Galicia de 1999 xa que, no seu Artigo 8º, sinala, dunha maneira moi acertada, que hai que potenciar as relacións audiovisuais con Portugal. Até o día de hoxe esta teima só foi asumida, de maneira clara e concisa, polo Filminho.

O cinema galego nunca foi contemplado con autonomía na súa identidade máis que nada porque sempre se vía como unha emanación periférica da cinematografía española. O Filminho combinaba en iguais condicións as dúas cinematografías do occidente peninsular. Desta maneira o audiovisual galego tiña un escaparate idóneo onde mirarse e interaccionar ao carón dunha cinematografía cunha escala máis abordable. Esta perspectiva provocou unha ruptura no tradicional xeito de albiscar o cinema galego que era contemplándose polo prisma taylorista da industria norteamericana pola que debece desde fai décadas o cinema español.

Mais non só iso. Que ninguén dubide que a creación do Filminho viña demandado por unha necesidade dunha determinada política audiovisual do bipartito difundida pola Axencia Audiovisual Galega. Durante eses anos urxía unha plataforma onde dar a coñecer a público, crítica e medios de comunicación os novos talentos do audiovisual galego que coa axuda do fundo para “creadores individuais” irrompían con forza no panorama de Galicia. Estes traballos arriscados tiñan moitas dificultades en achegarse aos festivais consolidados do teritorio galego mais que nada porque neles se facía unha afrenta constante procedendo a marxinar a produción local en seccións secundarias ou meramente testimuñais.

Malia todo, esta idea tivo un punto fraco, no lugar que menos se agardaba, concretamente no aspecto referencial, é decir, no espello no que o audiovisual galego tiña que fixarse: o cinema portugués. Unha deficiente programación portuguesa fixo que non se cumplira de todo as expectativas creadas sobre este choque de cinematografías. A idea era que os filmes portugueses fosen máis e de maior calidade que os galegos, emporiso a cinematografía portuguesa é unha dos mellores do mundo pola súa calidade insobornable en criterios de avangarda cinematográfica.

Foi así con estas virtudes e defectos, como a cinematografía galega tivo a primeira consciencia da súa existencia, das súas posibilidades. A primeira edición do Filminho pasará á historia non polos seus erros de organización –que os houbo e moitos-, senón porque o xurado recoñeceu un palmarés no que houbo unha pléiade de cineastas que son ou se convertirán dentro de pouco en nomes senlleiros: Oliver Laxe, Ángel Santos, Gonçalo Tocha, Peque Varela e Lara Bacelo. Unha primeira vinculación xeneracional que no caso dos galegos convertíase no primeiro síntoma de que nos atopamos entre o que se pode denominar, dunha vez por todas, como Novo Cinema Galego.

No segundo ano intentouse subsanar o problema máis deficitario que era contar con filmes portugueses de valía tendo en conta que o ciclo galego do 2009 era baixo. Foi así como se fixeron esforzos denodados por intentar conseguir erguer a contribución de Portugal contando cun dos mellores filmes europeos do que levamos de século: Aquele Querido Mês de Agosto de Miguel Gomes.

Con esta breve memoria do Filminho gustaríame sinalar a importancia da programación para o éxito dun festival non só cando acontece senón cando se lembra. Tamén este rol, o da programación, ten que facerse notar certo compromiso cara a produción local intentando ir alén do gusto do público e encamiñarse a entrometerse nas dinámicas creativas por medio dunha serie de correspondencias e asociacións que poden fortalecer filmes, autores e mesmo a cinematografías por moi pequenas que estas sexan.

No hay comentarios:

Publicar un comentario